Incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias

Esta axuda, financiada polo Fondo Social Europeo, quere promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares e titulares de explotacións agrarias de Galicia, especialmente das mulleres, coa finalidade de promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a súa alta na Seguridade Social.

 PERSOAS BENEFICIARIAS:

Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas incorporadas á actividade agraria incluídas nalgún dos seguintes colectivos e que cumpran os requisitos previstos para cada suposto.

1. Persoas incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

    a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de outubro de 2009 e ata o 16 de xullo de 2010.

    b) Ter corenta ou menos anos de idade na data da dita incorporación.

    c) Que sexan cónxuxes ou descendentes do titular da explotación agraria, sempre que este se atope dado de alta nos citados réxime e sistema especiais.

d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

2. Mulleres incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

    a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de outubro de 2009 e ata o 16 de xullo de 2010.

    b) Ter corenta e un e ata corenta e cinco anos de idade na data da dita incorporación.

    c) Que sexan cónxuxes ou parentes da persoa titular da mesma explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réxime e sistema especiais.

3. Mulleres de corenta e cinco ou menos anos de idade na data de alta na Seguridade Social, incorporadas a partir do 1 de outubro de 2009 e ata o 16 de xullo de 2010 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, titulares de explotacións agrarias nos seguintes supostos:

   a) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.

   b) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento, xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive.

c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe cause baixa no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, por dedicarse a outra actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social.

Nestes casos, deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

4. Persoas beneficiarias deste programa en calquera das convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008 e 2009.

5. Será requisito para percibir as axudas establecidas nesta orde que as persoas beneficiarias estean incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

 

  CONTÍA DA AXUDA:

A contía total da axuda será de 3.000 euros por persoa beneficiaria.

 

  PRAZO E SOLICITUDES:

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de xullo de 2010.

A solicitude e anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar http://traballo.xunta.es.

 

  Pódese consultar a orde de convocatoria no DOG nº 112 de 15 de xuño de 2010 ou no documento que se adxunta.