Situación xeográfica

O Concello de Vedra está situado no corazón do val do Ulla, no límite xeográfico da provincia da Coruña, co río Ulla como fronteira natural. Os veciños concellos de Santiago e Boqueixón lindan con el polo N., A Estrada faino polo S. e polo L., e Teo polo O.

As principais vías de comunicación que atravesan o seu territorio son: a N-525 Santiago-Ourense que, en Ponte Ulla enlaza coa estrada que vai de Arzúa a Padrón (LC-241), e a Autoestrada Santiago-Ourense, que ten unha peaxe na parroquia de San Mamede de Ribadulla.

A superficie do Concello é, aproximadamente, duns 52 km2 , distribuídos en 12 parroquias: San Xián de Sales, Santo André de Illobre, San Fins de Sales, Santa Eulalia de Vedra, Santo André de Trobe, San Pedro de Sarandón, San Miguel de Sarandón, San Cristovo de Merín, San Pedro de Vilanova, San Mamede de Ribadulla, Santa Cruz de Ribadulla e Santa María Madanela de Ponte Ulla; nas que habitan 5.054 habitantes (censo de 2002). A capital municipal encóntrase na parroquia de Vedra, na Avda. Mestre Manuel Gómez Lorenzo, nº1.

 A nosa xeografía está indiscutiblemente marcada polo río Ulla, que atravesa boa parte do territorio meridional e oriental, e que recolle, así mesmo, as augas doutros afluíntes como o Pereiro, o Tomonde, o Buxeiros ou o San Cristovo. O relevo en xeral é suave, e destaca como única altura importante Penas Pardas, nas proximidades do Pico Sacro, que acada os 449 m. de altitude. O clima, en xeral, pode cualificarse de temperado, con influencias oceánicas.