O que non te podes perder

  • Pazo de Santa Cruz de Ribadulla

ou de Ortigueira, declarado Ben de Interese Cultural, atópase emprazado ao amparo do Pico Sacro.

No seu interior encóntrase o xardín renacentista de referencia en Galicia, onde destaca a camelia.

Máis información en:

www.pazoderivadulla.com

981 51 20 11

Horarios de Visita:

Propiedade privada á que se pode acceder para visitar os xardíns nos seguintes horarios:

Horario de inverno:

Luns a sábado: de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 18:00

Horario de verán:

Luns a sábado: de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00

Domingos e Festivos: só pola tarde.

A última visita comezará media hora antes do peche.

Tarifas:

Entrada gratuíta: Luns pola mañá.

Entrada xeral: 4 € /persoa.

Entrada para grupos: 2,5 €/persoa (mínimo 50 €).

  • Miradoiro de Gundián

Este miradoiro ofrece as vistas dun magnífico entorno natural, habería que destacar, en primeiro lugar, o Paso da Cova, que xorde cando a ladeira sur do Pico Sacro, que conta cun filón de cuarzo de catro quilómetros, córtase para deixar paso ao río Ulla, quedando ao outro lado do monte Castro. Fórmase así un enclave único e singular, un magnífico estreitamento do río de catro metros de ancho entre dúas paredes duns cincuenta metros de caída vertical durante un percorrido de catorce metros. Este paso queda salvado na actualidade pola ponte antiga do ferrocarril, a ponte de Gundián, e a poucos metros atópase a moderna do A.V.E., e ten a particularidade de ser o único terreo ao sur do río Ulla que pertence á provincia da Coruña.

Contan as lendas que algunha vez houbo aquí unha gran lagoa que ocupaba terras río arriba. Relata a historia que había escondido entre as rochas próximas ao actual Paso da Cova un mosteiro de templarios do século XIV (do que non se conserva ningún vestixio). Engade a tradición que os monxes deste mosteiro de San Xoán da Cova perforaron o monte para secar a lagoa, dando orixe a este estreito paso.

Hoxe en día, tanto o Miradoiro de Gundián como a Área de recreo do Campo de Gundián permiten gozar deste magnífico contorno natural.

  • Área de Interpretación dos Muíños

Está situada no regato de Merín. Os muíños deste lugar forman un conxunto etnográfico en excelente estado de conservación, que dan unha idea da importante relación dos nosos antepasados co medio natural que os rodeaba.

No contorno da área hai catro muíños restaurados, o primeiro chámase Muíño Novo, que foi un dos primeiros que se fixo con cubo. O segundo chámase Muíño de Cebeiro, porque o primeiro propietario levaba o apelido Cebeiro e conservouse o nome ao longo dos anos. O terceiro, chamado Muíño do Coxo debido a que un dos propietarios tiña unha perna de madeira; este é o único muíño de canle aberta existente no territorio. O último chámase Muíño da Porta Roxa, aínda que hoxe non se conserve a porta desa cor.

  • Couto de Ximonde

É un dos coutos de salmón máis importantes de Galicia. Hoxe acolle unha estación ictiolóxica de cría e reprodución. Do seu contorno destaca a casa de pescadores e centro de interpretación do río, o salto-fervenza, o paseo de Ribeira e a ponte colgante.

  • Conxunto da Igrexa, fonte e cruceiro de Vedra

A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Vedra, atópase situada nun alto dominando todo o val e formando conxunto co cruceiro e a fonte ao pé do adro. Destaca o retablo da capela maior, de finais do século XVIII e obra do escultor santiagués de orixe italiano José Gambino, e é del, a imaxe de Santa Eulalia, titular da parroquia. Os outros dous retablos son algo anteriores e foi o seu autor Francisco de Moas, da escola de Miguel de Romai. Encóntranse en ambas as dúas capelas aos lados da nave e os seus temas principais son a Virxe das Dores e da Soedade, e o Cristo atado á columna, acompañado doutras imaxes, no outro. Aquí exerceu de párroco o historiador e arqueólogo Antonio López Ferreiro de 1866 a 1871.

  • Conxunto da Capela e fonte do “SANTIAGUIÑO”

A capela de Santiago situada no lugar de Outeiro da parroquia de San Pedro de Vilanova foi construída no século XVIII.

Destaca polo seu peso histórico e lendario.

Xunto a ela hai unha fonte barroca que foi trasladada alí no ano 1724 desde un lugar máis alto. Nela, e en relevo atópase a lenda do Dragón, relacionada coas sagas da Raíña Lupa. Ademais ten unha inscrición que fala sobre o traslado do corpo do apóstolo Santiago. No centro da fonte pode verse unha representación do apóstolo, flanqueado aos lados polos seus discípulos Teodoro e Anastasio. Segundo algúns autores estas dúas figuras procederían do antigo coro románico da Catedral de Santiago, obra do Mestre Mateo.

A poucos metros da ermida, encontramos o último albergue do Camiño da Vía de Prata antes de chegar a Santiago de Compostela.